Xullo'98 Cousas77
Semana do 29 ó 5


Fanse cen anos da independencia de Cuba
Fin de semana, 3, 4 e 5-xullo-98 O día 3 de xullo de 1898 a flota de España enfrentábase na costa de Santiago de Cuba á potente escuadra norteamericana nunha batalla que xa estaba perdida antes de comezar. Era o fin da "Guerra de Cuba" e o comezo da historia da illa como estado independente, satélite durante moitos anos dos Estados Unidos, os seus "aliados" na Guerra. A contenda España-EEUU alcanzou tamén as colonias de Porto Rico e Filipinas e suporía o ocaso dun antigo imperio polo amencer dunha nova hexemonía mundial.


Milladoiro, Santana e Astarot no Aniversario do Celta
Fin de semana, 3, 4 e 5-xullo-98 O Real Clube Celta de Vigo celebra mañá, día 4, o 75 aniversario da súa fundación cun grande concerto en Balaídos que contará coas actuacións de Milladoiro, Carlos Santana, o grupo heavy metal de Cangas Astarot, A Roda, a Coral de Coia e a Banda de Mougás. Alén de festexar os anos, o clube estreará nesta "Noite do Celta" unha nova versión do seu himno, Suite Celeste, composta por Milladoiro, que será gravada en directo. A directiva pensa editar un total de corenta mil discos compactos nos cales se recollerá tamén a voz dos afeccionados e afeccionadas que acompañen a interpretación de Milladoiro.


Clinton despídese hoxe da China
Fin de semana, 3, 4 e 5-xullo-98 O recentemente inaugurado aeroporto de Hong Kong verá partir hoxe, día 3, a un Bill Clinton esperanzado na futura"asociación estratéxica" entre o xigante chinés e os Estados Unidos. O presidente norteamericano reiteró que a vitalidade económica de Hong Kong era importante para a estabilidade global e pediu ao gobernador da cidade que encamiñasen o futuro democrático cara a un sufraxio universal. Clinton entrevistábase hoxe en privado con Martin Lee líder das forzas democráticas de Honk Kong. Xulio Ríos analiza neste artigo a situción da ex-colonia británica tras a visita de Clinton.

e ademais...
Fin de semana, 3, 4 e 5-xullo-98 Maratón de Radio intercéltico. Este fin de semana celébrase o IV Maratón de Radio do Festival do Mundo Celta de Ortigueira . Radio Club Ortegal será a emisora encargada de organizar a conexión e manter en contacto os e as radioafeccionadas interesadas no Festival. A web só ten versión en español :(((.


Na fin de semana puidemos:

... Viaxar a Vigo, a cidade máis moderna do sul de Galicia que esta fin de semana celebra o 75 aniversario do seu equipo máis representativo, o Real Clube Celta de Vigo.

... Oír a Milladoiro e Carlos Santana, pratos fortes da festa de aniversario do Celta que se celebra o sábado 4 no xa emblemático estadio de Balaídos.

...Ler "El álbum de la Caridad", a primeira antoloxía da poesía galega do século XX (na que se inclúen traballos de Francisco Añón, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal) e que naceu a partir da celebración dos I Xogos Florais de Galicia, celebrados en A Coruña un 3 de xuño de 1861.

...Ver "El jardín de la vida artificial", mostraxe fotográfica dixital de Alberto Barreiro que ata o día 13 de xullo se expón na sala Anexo de Pontevedra.


O viño galego beneficiado na reforma da OCM
Xoves, 2-xullo-98 O proxecto de reforma da Organización Común de Mercado (OCM) do viño, aprobado onte, día 1, en Bruxelas, permitirá a reestructuración das cepas nos países comunitarios. A Unión Europea apoiará a mudanza das cepas existentes por outras de mellor calidade cunha partida de catrocentos corenta e tres millóns de pesetas. Ribeiro e Valdeorras poden ser das denominacións máis beneficiadas con esta medida xa que algúns productores con viñas vellas poderán substituír as súas cepas por albariño, godello, treixadura, loureira ou dona branca, entre outras.


Cursos de formación para emigrantes e Verán'98 para xoves
Xoves, 2-xullo-98 A conselleira de Familia, Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, Manuela López Besteiro, presentou onte, día 1, en Ferrol os "Cursos formativos para emigrantes retornados", organizados coa colaboración do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais. As áreas que tocarán estes cursos van desde a fontanaría ata as técnicas agrícolas, pasando pola informática, a xestión empresarial e o corte e confección. Por outra banda, máis de dous mil quinientos mozos e mozas principiaron onte as súas vacacións dentro do primeiro grupo de Verán 98, o programa de campamentos e campos de traballo xestionado pola Consellería.

e ademais...
Xoves, 2-xullo-98 As notas de Selectivo na Rede. O Consello Interuniversitario de Galicia publica hoxe, día 2, a partir das seis da tarde as cualificacións das probas de Selectividade na súa páxina web. Para acceder ás notas é necesario introducir o número de documento de identidade do alumno ou alumna. Alén disto a páxina inclúe información sobre as notas de corte esixidas para ingresar nas diferentes facultades e escolas universitarias do país.

Xoves, 2-xullo-98 A AUI contra a suba das tarifas. A Asociación de Usuarios de Internet acaba de enviar ao Ministerio de Fomento un documento con máis de catro mil sinaturas contrarias ao plano de reformas das tarifas telefónicas proposto polo Goberno. A AUI está a difundir unha dura campaña contra o que podería ser unha duplicación dos prezos para os e as usuarias da Internet.


Televisión galega chega a Portugal
Mércores, 1-xullo-98 A Compañía de Radio e Televisión de Galicia asinou onte, 30 de xuño, en Lisboa un convenio coas empresas de comunicación audiovisual portuguesas TV Cabo e Bragatel. Gracias á retransmisión por cabo, máis de catrocentas mil familias do país veciño poderán ver diariamente as emisións da CRTVG, que no resto do Estado apenas chega, ata agora, a cento oitenta e cinco mil fogares. A televisión galega conta desde o pasado mes de febreiro cunha delegación na cidade de Porto.


Rede de Transporte Urxente 061
Mércores, 1-xullo-98 O Servicio de Urxencias 061, dependente do Servicio Galego de Saúde, pon hoxe, día 1, en funcionamento a Rede de Transporte Urxente, que conta con setenta e sete ambulancias asistenciais e a mesma cantidade de vehículos de apoio. As ambulancias, xestionadas directamente polo 061, prestarán un servicio ininterrompido as 24 horas durante todo o ano na totalidade do territorio galego. Desde a súa creación, a finais de 1995, o Servicio de Urxencias 061 recibiu perto de un millón de chamadas.


Trobadores na Menéndez Pelayo
Mércores, 1-xullo-98 Hoxe, día 1 de xullo, comezan os cursos de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, que terán como escenario varios centros universitarios do Estado, entre eles a Universidade da Coruña. O programa está inaugurado polo encontro "Literatura e cultura na Galiza medieval", codirixido polo profesor Henrique Monteagudo da USC e Ivo Castro da Universidade de Lisboa. Na sesión intervirán, ademais, Manuel Díaz y Díaz, Stephen Parkinson de Oxford e Ramón Lorenzo da Universidade de Santiago de Compostela. Os cursos de verán da UIMP na UDC estarán repartidos entre os campus da Coruña e Ferrol.

e ademais...
Mércores, 1-xullo-98 O NetCenter en liña. Netscape acaba de lanzar o seu novo centro de recursos, NetCenter, unha porta de entrada na Internet que quere competir en oferta de contidos con webs tan populares como Yahoo, Excite, Wired ou os novos servicios de Microsoft a través do Start.

Mércores, 1-xullo-98 Devolucións de facenda pódense consultar na Rede. A Axencia Tributaria puxo recentemente en liña un servicio de consulta sobre as cantidades que corresponden á devolución do IRPF para aquelas persoas que fixeran unha declaración negativa. Fontes oficiais da Axencia declararon que a utilización da Internet como instrumento de axuda na elaboración das declaracións da Renda foi este ano catro veces maior á da anterior campaña.


Entrega das XV Medallas Castelao
Martes, 30-xuño-98 O Presidente, Manuel Fraga Iribarne, fixo onte, día 29, entrega das Medallas Castelao a oito personalidades das artes e as letras galegas. Juan Manuel Pérez López, antigo presidente da Federación Mundial de Entidades Galegas, pronunciou un discurso en nome das persoas homenaxeadas para agradecer a distinción e ratificar o compromiso de todas elas con Galicia. Alén de Pérez López, entre os galardoados estaban a escritora Marina Mayoral, e sete homes: José Luis Barros, Luis María Caruncho, Dionisio Gamallo, John Rutherford, José Ignacio Poch e Julián Trincado.


Bágoas e protestas no enterro de Matub
Martes, 30-xuño-98 Onte, 29 de juño, celebrábase na localidade arxelina de Taurirt Mussa o entero do cantante bereber Lunes Matub, asasinado o pasado xoves no seu domicilio. Deceas de miles de persoas despediron a Matub, difusor da lingua bereber e defensor das liberdades con saloucos e gritos de "Poder asasino". Aínda que o goberno de Arxel culpabiliza o integrismo islámico pola morte de Matub, unha boa parte da poboación contraria ao réxime pensa que o asasinato se debe a unha orde oficial. A tensión no país magrebí medra en vésperas da implantación da Lei xeral do uso do árabe, que esmagará os dereitos lingüísticos e culturais de 8 millóns de bereberes, case un 30% da poboación do país.

e ademais...
Martes, 30-xuño-98 Axudas ás actividades teatrais e musicais A Deputación da Coruña acaba de convocar o prazo para a solicitude de subvencións a actividades teatrais e musicais. As entidades e intérpretes interesados deberán remitir a documentación requirida ao Rexistro Xeral da Deputación ata o 27 de xullo.

Martes, 30-xuño-98 Presentación do "Lapis do carpinteiro" Hoxe, día 30, celébrase no Centro Cultural de Caixa Galicia, na coruñesa Ronda de Nelle, a presentación oficial do último libro de Manuel Rivas, "O lapis do carpinteiro". O propio escritor falará da obra e fará lectura dalgúns fragmentos. A dúas semanas da súa publicación o libro xa vai pola segunda edición.


O sector gandeiro perde na "Guerra do aceite"
Luns, 29-xuño-98 Os principais sindicatos agrarios do país coinciden en afirmar que a obtención de mellores condicións para a producción aceiteira española na reforma da OCM fíxose a custa da carne de vacún e prexudica especialmente á producción galega. Tanto o Sindicato Labrego Galego como Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores, criticaron duramente a "troca" de Loyola de Palacio, carne por aceite, na cal Galicia, máis unha vez, sae perdendo. Máis información sobre o sector gandeiro galego na Leiteira.


Referendo aborto invalidado
Luns, 29-xuño-98 O primeiro referendo na historia da democracia portuguesa non poderá ter carácter vinculante debido á súa falta de representatividade. Apenas o 30% das persoas censadas deron en participar na consulta e "castigaron" coa indiferencia a ausencia dun posicionamento claro e responsábel por parte das dúas princiapis forzas políticas do país: o Partido Social Demócrata do primeiro ministro Guterres e o Partido Popular, liderado por Paulo Portas. Os portugueses e portuguesas preferiron gozar dun domingo de praia antes que facer pública a súa opinión sobre a despenalización do aborto. Máis información no Público.


Comeza a rodaxe da Lingua das Bolboretas
Luns, 29-xuño-98 Tres relatos de Manuel Rivas son a base do guión de Rafael Azcona para o filme "A Lingua das Bolboretas", que narra a historia de Moncho, un rapaz de oito anos no rural galego da Guerra Civil. A producción de José Luís Cuerda, realizador de "El Bosque Animado", será protagonizada por de Fernando Fernán Gómez e o xove actor compostelán Manuel Lozano, que darán vida a Moncho e o seu mestre.

e ademais...
Luns, 29-xuño-98 Páxinas viguesas para o debate. A web "Vigo, patrimonio cultural" inaugura unha sección para a reflexión e o debate que ten como tema central a vida na cidade. O espacio que leva por título "Para falarmos de Vigo" está aberto á participación através do correo electrónico.


Outras edicións de Cousas



Vieiros