BREVE HISTORIA DO CINEMA GALEGO

Dossier: O audiovisual agora


Anos 20 | Decádas 30 e 40 | A década dos 80 | A década dos 90 | Na actualidade



La Casa de la Troya

Fotograma de "La Casa de la Troya".
Anos 20

Iniciamos o noso percorrido polo cinema galego co fotógrafo pontevedrés Enrique Barreiro, que estrea o 2 de maio de 1927 "Pontevedra, cuna de Colón", no Teatro Principal da capital pontevedresa. Tratábase dunha mediametraxe documental, na que se alternan panorámicas, algunhas en cor (pintadas polo propio Barreiro), mentres se expoñen mediante, intertítulos en español, os argumentos para demostrar o nacemento de Colón en terras galegas.

Na época do mudo, máis cá cine galego, atopamos temática galega en películas españolas. Un público farto de zarzuelas aplaude con entusiasmo, en 1925, "La Casa de la Troya", dirixida por Pérez Lugín, e inspirada na vida estudiantil da provinciana Compostela de comezos de século.

Ao ano seguinte será "Carmiña, flor de Galicia" a que repita os tópicos da "esencia galega". O filme estaba dirixido polo italiano Rino Lupo e interpretado pola actriz viguesa Maruja del Mazo, que morre un ano despois da estrea.



 

Nuestras fiestas de alla

Documental de Galicia Cinegráfica titulado "Nuestras fiestas de allá".

Decádas 30 e 40

Un dos pioneiros no ámbito da empresa cinematográfica galega foi o vigués José Gil. A súa productora Galicia Cinegráfica acumulaba nos anos trinta unha boa parte da producción galega audiovisual, filmando por encargo todo tipo de documentais (festas, conserveiras...). O negocio pecha en 1935.

Nos anos da II República inician a súa carreira no cinema tres realizadores ourensáns. Antonio Román, nacido en 1911, coñeceu o cinema das vangardas europeas na súa época de estudiante en Madrid. Nos seus traballos sobre Galicia alonxábase das propostas da época, cheas de "enxebrismo". Desafortunadamente, non se conservan os filmes.

Carlos Velo Cobelas tamén tratou de documentar a Galicia interior e mariñeira no filme Galicia/Finisterre, que gañou en 1937 o primeiro premio da Exposición Internacional de París, cun xurado presidido por Buñuel. A Guerra Civil impediu a normal distribución do filme.

O trío de grandes realizadores galegos complétase con José Suárez Fernández (Allariz, 1920) En 1936, inicia nas Rías Baixas a rodaxe para Cifesa da que foi a súa única película no noso país, "Mariñeiros", hoxe perdida.

Co productor Víctor Ruppén (A Coruña, 1940) e o seu grupo Imaxe chegamos á década dos setenta. Ruppén tivo o mérito de introducir un formato semiprofesional coma o de 16 mm en varias das súas curtametraxes:Fendetestas, O herdeiro, O cadaleito e O pai de Migueliño. Víctor reaparece en 1980 como productor asociado en Malapata, a primeira e malograda longametraxe do cinema falado en galego.



 

Sempre Xonxa


A década dos 80

O fracaso de Malapata abriu un período de transición no ámbiente cinematográfico que vai chegar case ata a metade da década dos oitenta. Sumido nunha crise de identidade, o cinema galego paralisa practicamente a súa producción.

Nesta época, Juan Pinzás funda xunto coa súa muller Pilar Sueiro a productora Atlántico Films, aínda que coas súas actividades centradas en Madrid. Pinzás continuará dirixindo ata hoxe, e pode presumir de ser o primeiro galego en adherirse á corrente danesa Dogma.

O nomeamento do xornalista Xosé Luís Álvarez Pousa en 1983 como Director Xeral de Cultura, supuxo un pulo para o cinema galego, ao deseñar unha programa audiovisual que contempla por primiera vez as subvencións. O goberno tripartito dá a coñecer os logros máis importantes da súa política en 1989, coa estrea en Vigo das tres primeiras longametraxes en 35 mm. do cine galego: Urxa (Carlos L.Piñeiro), Sempre Xonxa (Chano Piñeiro) e Continental (Xavier Villaverde).



 

Fisterra


A década dos 90

A principios de 1990, o Partido Popular recupera o goberno da Xunta. Créanse a Escola de Imaxe e Son da Coruña e o Centro Galego de Artes da Imaxe. A cativa industria audiovisual de Galicia posuía, á fin, unha mínima estructura coa que abordar unha nova etapa. Aínda que a tendecia continúa marcada pola producción de curtas e mediametraxes.

A comezos de 1997, Antonio Simón debuta na dirección de longametraxes con La novia de medianoche baseándose nun guión inédito, escrito polo galego José Rubia Barcia para Luis Buñuel. O que parecía un interesante reto, fracasou en taquilla.

Outro dos filmes atractivos desta tempada é Nena (1997) e veu da man do ourensán afincado en Madrid Xabier Bermúdez. A película foi producida pola empresa coruñesa Xamalú Filmes e conta a historia dun escritor de éxito namorado dunha adolescente, temática singular dentro do panorama galego.

O primeiro "éxito de masas" do cinema galego é, quizais, a segunda longametraxe de Xavier Villaverde, Fisterra (1999). A historia estaba ambientada en Galicia e entre os protagonistas, figuraba Nancho Novo. A película, producida pola empresa Continental, exhibiuse en galego e castelán, e foi tratada bastante ben pola crítica.



 

El bosque animado


Na actualidade

Continental produce no 2000 o filme Sei quen es, unha película de Patricia Ferreira que competiu polo premio do público no Festival de Berlín e que gozou de boa acollida nas salas galegas e españolas. Ferreira repetirá na dirección no ano 2002 con "O alquimista impaciente" .

Pero serían os debuxos animados os que traerían o recoñecemento do exterior para o cinema galego. A producción El bosque animado, de Dygra Films, recibiu no 2001 dous Goyas á mellor película de animación e á mellor canción orixinal, e sete premios Chano Piñeiro do audiovisual galego.

E chegamos ata os nosos días, con varios filmes feitos en Galicia e por galegos, pendentes de estrea: o novo proxecto de Villaverde, Trece Badaladas, baseado nunha novela de Suso de Toro; e o "O lapis do carpinteiro", dirixida por Antón Reixa, partindo dunha obra de Manuel Rivas. No 2003, Angel de la Cruz, director de El Bosque Animado, comezará a rodar "Los muertos van deprisa" en terras galegas.

(Este resume foi elaborado a partir do libro de Xosé Nogueira,
"O cine en Galicia", editado por A Nosa Terra).



Dossier: O audiovisual agora | Vieiros