BIOGRAFÍA

Alfonso Zulueta de Haz


Alfonso Zulueta de Haz é presidente do Consello da Cultura Galega desde o 17 de abril de 2002, cargo que ocupa tralo falecemento de Carlos Casares. Zulueta de Haz é notario de profesión e  foi relator no anteproxecto realizado polo Consello da Cultura Galega para a Lei de Dereito Civil Galego e nos Congresos de Dereito Civil Galego entre 1972 e 1985. Exerceu como profesor no Curso de Dereito Galego na Universidade da Coruña e no de Especialización do mesmo Dereito, e así mesmo ten pronunciado conferencias sobre este tema, especialmente ós profesionais de Dereito. Membro da Corte arbitral da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo.

Rector do Colexio Maior Universitario para Graduados "César Carlos", de Madrid, entre 1955 e 1956, ocupou o cargo de secretario do Comité Hispano-Británico de intercambio entre as Universidades de Madrid e Oxford nos mesmos anos. Posteriormente foi o fundador e primeiro vicepresidente do Partido Galego Social Demócrata (1974-1978), e un persoeiro do Partido Galeguista.

Foi tamén fundador e primeiro presidente do Ateneo de Pontevedra (1966-1969) e ademais foi o fundador e primeiro presidente do Padroado de Educación e Cultura de Gaucin (Málaga), cidade onde exerceu por vez primeira como notario. Tamén ocupou o cargo de vicepresidente do Cine - Club de Pontevedra entre 1962 e 1976.

Compatibiliza a presidencia do Consello da Cultura Galega co de presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, membro do Consello de Administración de Caixanova, fundador e presidente da Fundación Tutelar Galega para Minusválidos Psíquicos Sálvora, fundador e membro do Padroado e Asesor Xurídico da Asociación Juan XXIIIpara Deficientes Psíquicos, fundador e presidente da Fundación Pedras Vivas, presidente da Editorial SEPT (Sociedade de Estudios, Publicacións e Traballos), vicepresidente da Fundación Penzol, conselleiro da Editorial Galaxia, Académico de Honra da Academia de Lexislación e Xurisprudencia de Galicia, membro da comisión para a constitución da Fundación Gonzalo Torrente Ballester e vocal do seu padroado, vocal da Fundación Wenceslao Fernández Florez e do Padroado da Confederación Española de Fundaciones, entre outros cargos.

Alfonso Zulueta foi distinguido coa primeira clase da Orde de San Raimundo de Peñafort e coa Medalla Castelao.



Vieiros