|
![]() FOTO: Xulio Villarino |
Luís Tosar naceu en Lugo, en 1971, aínda que a súa familia é de Xustás, Cospeito. Foi un profesor de literatura quen lle meteu no corpo o verme da actuación, estando no instituto. Alí coñeceu tamén ao seu amigo o director de cinema Jorge Coira, con quen fixo as primeiras intrepretacións. Froito desta colaboración, xurdirían máis tarde curtas como Contos de Alentraia: Tornabón (1994), As Xoias da Señora Bianconero (1994) ou O Matachín (1995) . O xoven Tosar tamén foi a voz do grupo de rock Los Huana e na actualidade segue sendo membro do dúo cómico inclasificable The Magical Brothers, que actúa ocasionalmente. Trasladouse a Santiago para estudiar Historia na Universidade, onde entrou en contacto co teatro. Traballou con Mofa e Befa e con Ollomol, entre outras compañías, sen deixar de facer curtas. En 1998, o seu papel de xuíz da na serie da TVG Mareas Vivas convérteo nun dos actores máis populares do panorama galego. No ano 2000, recibe unha nominación aos premios Goya como Actor Revelación, pola longametraxe Flores de otro mundo, dirixida por Icíar Bollain. A partir de entón, Tosar non deixa de engrosar a súa filmografía. Entre as películas máis recentes, figuran Os Luns ao Sol, coa que conseguiu a estatuiña de Goya que se lle escapara anos antes (mellor actor de reparto 2003) e Trece Badaladas. Están pendentes de estrea O Lápis do Carpinteiro, dirixida por Antón Reixa, e O Regalo de Silvia, de Dionisio Pérez. |