BIOGRAFÍA

Roberto Mera

Roberto Mera Roberto Mera Covas naceu en Ponteareas, en setembro de 1971. Realizou estudios de Dereito e de Ciencias Políticas na Universidade de Santiago e é socio directivo dunha cooperativa agraria.

Comezou o seu activismo político da man da ecoloxía, fundando no ano 90 o colectivo Adenco (Asociación para a Defensa da Natureza do Condado). Ao ano seguinte integraba por primeira vez as listaxes municipais do BNG de Ponteareas e no 95 encabezaba a candidatura nacionalista á alcaldía. Neses comicios, o grupo nacionalista pasaba de 328 votos nas eleccións anteriores a 1.670 votos. Roberto Mera atribúe ao “traballo político e á información” a evolución do voto nacionalista en Ponteareas, que non deixou de medrar ata acadar no 2003 cinco concelleiros.

Desde o ano 2000, Mera asume o cargo de responsable comarcal do Bloque no Condado. Gaña popularidade entre a militancia de todo o país en abril de 2002, cando asina xunto cun grupo de independentes o coñecido como manifesto da Estrada e sae elixido membro do Consello Nacional na X Asemblea do BNG.

Na actualidade, Roberto Merá é responsable da Comisión Nacional de Medio Ambiente do BNG e voceiro da corrente de ‘non adscritos’ do Bloque.

No concello de Ponteareas, Mera continúa desempeñando o labor de primeiro tenente de alcalde, a pesares da ruptura en outubro de 2003 do pacto de goberno que mantiñan BNG e PSOE, e que rematou con 35 anos de goberno de José Castro.



Vieiros