BIOGRAFÍA

Carmen Avendaño Otero


Carmen Avendaño Otero naceu no barrio vigués de Lavadores o 21 de novembro de 1945. Empresaria e ama de casa activa, participou nas Asociacións de Pais de Alumnos da súa cidade e creou en 1975 a asociación de veciños de Lavadores, onde comezou a traballar na área de servicios sociais.

A súa vida deu un cambio en 1984, co nacemento da asociación Érguete de axuda ao toxicómano, que ela impulsou e liderou. Carme tiña daquela dous fillos drogodependentes e coñecía moi de preto os problemas do narcotráfico, consentido dun xeito tácito pola cidadanía.

Fixo varios cursos sobre drogodependencias e, xa convertida nunha experta, non tivo reparos en dicir verdades que daquela ninguén se atrevía a revelar. Vaticinou a chegada ao poder nos concellos de narcontraficantes upados pola súa fortuna e denunciou o fraco favor que lle facía o cárcere aos drogadictos, quizais porque un dos seus fillos tamén estivo preso e comprobou que aquel "non era sitio para curarse".

A partir de 1995, desempeña o cargo de concelleira no Concello de Vigo e de deputada provincial por Pontevedra polo PSOE. A súa loita contra a droga levouna a entrevistarse co xuíz Liaño, a escribir artigos de prensa, a participar en seminarios e en teses universitarias, e a berrar xunto con outras nais feridas ás portas do Pazo de Baión, propiedade do narcotraficante Laureano Oubiña.

A labor de Carme Avendaño mereceu numerosos premios de recoñecemento de diversas entidades. Desde 1999, ocupa a presidencia da Fundación Érguete, dedicada á inserción sociolaboral das persoas con dificultades de integración, en especial, dos toxicómanos.


Vieiros