BIOGRAFÍA

Antón Reixa

Dossier: O audiovisual agora


Antón Reixa naceu en Vigo en 1957. Fixo o Bacharelato nun coñecido instituto da cidade, o Labor, un colexio ao estilo da época, disciplinado e masculino.

O xoven Reixa fai a carreira de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e entra en contacto coas vangardas literarias. En 1975 funda, xunto con Alberto Avendaño, Manuel M. Romón e Camilo Valdehorras, o Grupo de Comunicación Poética Rompente.

Froito desta etapa literaria, Reixa publica a finais dos setenta varias obras poesía, como o libro colectivo "Silabario da turbina" e "As ladillas do travesti". Chega a ser profesor de lingua e literatura galegas pero pronto abandonará a docencia para embarcar na música.

Estamos a comezos dos ointenta, Vigo é un fervedoiro de bandas de rock and roll subversivo. O ambiente tamén cala en Antón Reixa, que lle regala a súa batería ao seu amigo Julián Hernández, a condición de que forme un grupo. E así, simplificando un pouco, nace Maricruz Soriano y los que afinan el piano, coñecidos máis tarde como Siniestro Total.

Dous membros de Siniestro, Alberto Torrado e Xavier F. Soto, acompañarán a Reixa no lanzamento do grupo Os Resentidos, en 1982. "Vai un sol de carallo" convértese no seu primeiro éxito de "masas". Reixa canta.

Os Resentidos deixou paso, en 1995, a outro proxecto, "Nación Reixa", que o levou a colaborar co desaparecido grupo vasco Negu Gorriak. Mentres, o polifacético Reixa non deixa de experimentar noutras artes. Escribiu teatro, fixo videoclips musicais, programas de radio, e tamén traballou no eido audiovisual, como actor, productor e director.

En 1998, estrease na TVG, baixo a dirección de Reixa, Mareas Vivas, unha serie ambientada na Galicia mariñeira actual que bateu récords de audiencia na canle autonómica.

Un ano máis tarde, e con parte do equipo de Mareas Vivas, Antón funda Portozás Visión. O proxecto máis ambicioso da productora é a adaptación ao cine da novela de Manuel Rivas "O lapis do carpinteiro", pendente de estrea. Esta vez, Reixa atrévese coa dirección de longametraxes.



Dossier: O audiovisual agora | Vieiros