Champú de
|
Os meus pais, sobre todo, son os encargados de ir enchendo
a miña valeira memoria tal que máquina computadora recén
estreada. Son eles os que me orientan e me contan cousas das boas xentes,
como por exemplo de Chano Piñeiro. Vin a Chano un día na miña casa cando a miña vida non superaba máis alá dos dous meses, viñera de paso cara a Vigo por ver uns bocetos dunha historia que andaba a maquinar, non lle din a maior importancia xa que era unha das primeiras dúcias de persoas que se proxectaban na miña xove retina, un ser máis que pasaba diante de min coma nunha pantalla. Un día meu pai, logo dunha desas visitas de traballo que facía aproveitando o fin de semana en Vigo, trouxome un osiño, un oso duro e branco que unha vez descabezado cuspía un grume transparente para lavar o cabelo, ó principio parecíame arrepiante sentir ese moco frío enriba dos meus miolos e cada vez que mo botaban, os meus pais repetían unha frase, sempre a mesma: "O champú de Chanito", entón co tempo funme decatando do máxica que era a loción. Resulta que meu pai quedara de levarlle a Chano as ilustracións que viñera a ver á casa uns días antes, quedaran na Farmacia e extranamente uns debuxos estaban rematados e outros non, parece que Chano dixera de non continuar por non sei que motivo, o caso que os debuxos foron entregados así. Nese momento Chano escrebía ó productor de Madrí o rexeitamento a ese proxecto que xa non lle apetecía facer. Foi entón cando se lembrou de min e botando man de algo que había nun estante deullo a meu pai pedindo disculpas por non saber que precisan os cativos e por dubidar da utilidade do agasallo, este foi recibido con grande agradecemento e coa promesa de que me lembraría aquel detalle. Chano acompañou a meu pai ata a porta logo de despedirse de Mariluz e mesmo saíron os dous á escura rúa a pesar da poalla, a xeito de despedida contoulle a papá que estaba canso e quería ser unha persoa corrente por unha vez na vida, vivir no campo e tranquilo e todo iso e alí acabou a xuntanza. Así que o meu entendemento que me permitiu diferenciar un frío moco dun champú para o cabelo, tamén me permitiu decatarme da transformación que acontecía en cada lavado. Coma a maioría dos cativos occidentais, o meu baño acontecía ó cair a noite, logo de introducirme a miña nai na cunca da bañeira cunha pouca auga morna meu pai bautizábame co mesmo ritual de botarme o viscoso champú na cachola coa mencionada frase para me lembrar quen me dera ese tan preciado líquido: -A ver Aldán, champú de Chanitoooo! A miña nai comezaba logo a fregar no sentido contrario ás agullas do reloxio o meu coiro cabeludo. Entón entre o picor que me daba o xabrón ó me baixar para os ollos e as fregas, provocábame unha especie de mareo que ó tentar de abrir os ollos causábame visións, así que me empecei a fixar nas figuras comecei a experimentar unhas verdadeiras viaxes mariñas. Víame no fondo do mar, nas paraxes máis estrañas, polo menos para min, rodeado das persoas máis achegadas, por suposto papá e mamá, pero tamén os tíos Paulo e Carme, os avós e por veces tamén os tíos, que non son, Moncho, Rafa e Isa, pero menos. Sempre había cores e movementos, animais, baleas e golfiños, cabalos de mar e estrelamares de tódalas formas, por suposto para min aqueles animais eran raros, seinos agora que os vexo nos libros, pero non me daban medo, nin moito menos. Estes soños esvaíanse cando o meu pai puña a ducha de teléfono e me quitaba a escuma do pelo, o sentir aqueles centos de xorros abría a boca tragando auga e no sono parecía afogar, pero pouquiño ¿eh?, entón abría os ollos e sentíame outra vez na bañeira, relaxado e contento, con ganas de cear e de durmir, era bonito. Despois, cando xa durmía lembraba aquelas imaxes e podía continuar co soño onde o deixara, era entón cando nunha esquiniña, onde menos se apreciaba, ou nunha sombra, como facía Hiscotch, apreciaba un home cativo que me sorría e me facía así coa man, podía recoñecelo, era Chanito, por veces saía entre a escuma do rachar dunha onda contra as rochas do cantil, alí na bañeira, e eu berráballe ¡Champú de Chanito!, porque lembraba o que me decía meu pai. Agora, logo de preto de 730 lavados estou triste porque o osiño non pesa e ó metelo na auga emborca e se afunde, non é como ó principio, cando a súa pesada barriga o facía manterse dereito, e como me gustaba darlle labazadas para que cabeceara para os lados. Di meu pai que se está aacabar o champú. Eu non sei se papá atopará máis deste tan bo que fai uns soños tan coloridos, di que agora Chano non me pode dar outro porque xa non está e se cadra os outros osiños-champús da tenda non teñen o mesmo zume-soños dentro. A pesar de que estou un pouco triste non por iso deixa de facer efecto o champú, se cabe ó contrario, estes últimos soños subacuáticos foron aínda máis intensos. Nun deles berreille a Chano que estaba alá lonxe se é que os soños se habían de acabar co champú. El, aínda que fixo por contestar, non o oín porque estaba mesmo onde rachan as ondas, coma sempre, e fai moito estrondo, entón dixome que non coa man e sorriume con esa cariña de pillo que pon. Non coñezo a Chano máis por aquela vez que o vin na casa e polos soños do champú perocando sexa máis maior gostaría de ser coma el para poder agasallar con champú ós cativos, mesmo ós que non teñen auga para se enxuagar. TOKIO En lembranza do Chano |