Benvidos a Vieiros


As unións de feito e o contrato matrimonial Reiriz

As unións de feito son unha realidade social crecente en número. A xurisprudencia e o ordenamento xurídico, tan reacios noutro tempo a recoñeceren efectos ás unións paramatrimoniais, pouco a pouco van pregándose a esa realidade, cada vez máis presente, e a nova sensibilidade cara a este fenómeno sociolóxico levou o noso lexislador, a recoller certas alusións a estas situacións, para equiparalas, en ocasións, ás unións matrimoniais, recoñecéndoas como fonte de eventuais consecuencias de orde xurídica, algunhas delas enumeradas a seguir.

Na orde penal o noso Tribunal Supremo recoñeceu o dereito de un dos compañeiros para recibir indemnización con motivo do pasamento do outro membro da parella nun accidente de tránsito. Alén disto, incluíu no concepto de prexudicado por un delicto tamén as parellas de feito, o cal faculta os seus membros para reclamaren unha indemnización por danos morais e materiais experimentados polo pasamento dun ser querido.

En relación coa Seguridade Social, a Circular 20/ 1994 concede a posibilidade de obter asistencia sanitaria, logo da acreditación da situación, a quen conviva maritalmente co titular deste dereito e aos fillos do convivente.

En canto aos dereitos sucesorios entre a parella, son consideradas válidas e lícitas as disposicións testamentarias a favor do compañeiro, que moitas veces supoñen a forma de compensalo pola dedicación ao finado. Existen ademais algúns dereitos de carácter compensatorio dentro do terreno da paraticipación de ambos os conviventes na creación do patrimonio familiar da parella.

No referente á pensión de viuvedade, xa en 1.994 a Oficina Internacional do Traballo, na súa Recomendación nº 67, recoñecía o dereito a percibir este tipo de pensión á muller que, non estando casada, cohabitara co finado. Non obstante, os nosos tribunais actualmente negan a equiparación das unións de feito aos matrimonios nesta materia, aínda que a Lei, na realidade, avanza no sentido de recoñecer este dereito, e xa nalgunhas ocasións os xulgados do Social sentenciaran favorablemente.

No ámbito civil permítese a adopción de nenos ao home e á muller integrantes dunha parella unida de forma permanente por relación de afectividade análoga á conxugal.

A Lei 29/ 1994 de 24 de Abril sobre arrendamentos urbanos permite a subrogación no contrato de arrendamento, ao pasamento do inquilino, á persoa que viñese convivindo con este de forma permanente en análoga relación de afectividade á do cónxuxe, con independencia da súa orientación sexual.

No ámbito Fiscal a Sentencia da Audiencia Nacional de 2 de xullo de 1.996 recaída no Recurso nº 38 / 1992 sostén que "a disolución da "unión de feito" por pasamento de un dos conviventes, en que a súa parella herda todos os seus bens, pode asimilarse á disolución da sociedade de gananciais como feito previo á liquidación do imposto de sucesións sendo a tarifa aplicable na mesma que corresponde aos cónxuxes e non á de estraños."

Cadaquén é libre de escoller a forma de unión que lle pareza adecuada ás súas conviccións morais e ás súas circunstancias, un pode estar a favor ou en contra das unións de feito, ambos os posicionamentos son en calquera caso moi respectables. Non podemos impor a nosa forma de pensar aos demais mais o que resulta innegable é o modelo Reiriz ser de suma utilidade para aquelas persoas que escolleron a convivencia de feito, que deben tentar de documentar ao máximo a súa relación para poderen probar a súa convivencia de forma análoga á de marido e muller para os efectos de accederen a todos estes beneficios e todos os que nun futuro non moi afastado serán recoñecidos a favor dos conviventes de feito.

En comparación cos rexistros de parellas de feito municipais, o modelo Reiriz oficialízase perante o Notario e constitúe un acto de moita máis transcendencia que apuntarse a unha listaxe civil, que só produce efectos xurídicos no reducido ámbito municipal. O contrato matrimonial alén de oficializar las unións de feito perante a sociedade, contén unhas cláusulas e unhas previsións no caso de disolución.

Con respecto aos fillos o seu amparo está garantido pola nosa Constitución, que no seu artigo 39. 2º establece a súa protección con independencia da súa filiación, en caso de ruptura da parella acharíanse na mesma situación que os fillos perante as separacións matrimoniais.

Mercedes de la Puente Formoso é avogada.


Vieiros