Benvidos a Vieiros



Valle Incláns paralelos

Venres 16 de setembro. É o gran día, é o día da estrea de teatro máis polémica dos últimos tempos. Moitos debates en outros tantos medios arredor dun tema: o Centro Dramático Galego (organismo público) representará catro obras de Valle-Inclán en castelán. Unha boa parte da sociedade galega manifestouse contraria a esta decisión e decidiron organizar un Valle-Inclán paralelo e "á galega": un maratón de lectura das catro pezas traducidas por xente da cultura galega, que se repetirá en tódalas localidades galegas onde estea o CDG.

A decisión de representalo en español sóubose en marzo e dende entón aconteceu de todo. Diversos profesionais do teatro renunciaron a participar no proxecto, houbo iniciativas parlamentarias en contra, máis de vinte compañías galegas posicionáronse en contra, etc. Pero o proxecto continuou adiante. A razón esgrimida foi: a familia do escritor non permite verquer os textos ás outras linguas do Estado, así que ben se pode facer unha excepción no monolingüismo do CDG. Hoxe as catro excepcións serán representadas no Teatro Principal de Santiago: La cabeza del Bautista, Las galas del difunto, El embrujado y Ligazón, que son dirixidas, respectivamente, por Helena Pimentel, José Martíns, Eduardo Alonso e Manuel Guede, director do CDG.

Entrementres, o sector "disidente" organizou outra estrea paralela, Comedia Bárbara, un maratón de lectura en galego de Valle-Inclán. A iniciativa xurdíu da Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena. Os textos foron traducidos por Manuel Rivas, Dolores Vilavedra, Henrique Harguindey, Xosé M. Pazos, X. L. Méndez Ferrín e Manuel Lourenzo. Ademais, leráse un poema escrito orixinalmente en galego por Valle, ademais de tres relatos breves que foron publicados na revista A Nosa Terra no ano 1919, en vida do autor.

A Comedia Bárba comezará ás sete da tarde no Casino de Santiago, lugar que o escritou de Vilanova frecuentaba. Os directores da lectura das pezas son Cándido Pazó, Xosé Manuel Pazos, Lino Braxe e Manuel Lourenzo. Participarán no maratón un gran número de persoas da cultura e da política galega. Dende Xosé Manuel Beiras a Anxo Guerreiro, Uxío Novoneyra, Suso de Toro, Tareixa Navaza, Pedro de Llano, Ana Romaní, Camilo Franco, etc., ademais de representantes de diferentes colectivos sociais.


Vieiros