Galicia'97
Dende o pasado 25 de agosto e ata o vindeiro mércores, en Vieiros contamos cunha sección dedicada ás eleccións ó Parlamento Galego do vindeiro 19-O. Tal e como sinalabamos hai unhas semanas, este espacio tiña carácter provisorio mentres iamos preparando o especial Galicia'97 que xa estará operativo a partir do día 24 de setembro no url http://galicia97.vieiros.com. Con esta iniciativa, pretendemos cumprir un triple obxectivo: servir de punto de información para os galegos e galegas con acceso a Internet, especialmente para os que non viven en Galicia e, xa que logo, teñen unha menor información polos medios tradicionais; aproveita-las aplicacións da Internet para informar/participar de xeito interactivo sobre/no proceso electoral e se-lo lugar de referencia para os medios de comunicación estranxeiros interesados no seguimento da contenda electoral galega.

Santiago, sede en 1999 da asemblea mundial das cidades patrimonio da humanidade
A cuarta Asemblea Internacional da Organización de Cidades Patrimonio da Humanidade celebrada na cidade portuguesa de Évora acordou designar a Santiago sede da vindeira reunión desta organización que terá lugar en 1999. Segundo representantes da corporación municipal santiaguesa, "trátase dun recoñecemento importantísimo para Compostela e un recoñecemento ó papel da cidade en materia de conservación e rehabilitación do patrimonio histórico. Santiago consegue deste xeito un dos obxectivos que se formulaba de cara ós eventos que protagonizará nos anos 1999 e 2000 . Doutra banda, os participantes reunidos en Évora acordaron facer un chamamento á industria turística para que analice os posibles perigos que o impacto deste sector pode provocar no deterioro dos monumentos e lugares históricos.

Rafa Villar gaña o premio "Cómaros verdes"
O poeta Rafa Villar gañou a primeira edición do premio "Cómaros verdes" coa obra presentada baixo o lema "Casa ou sombra". O xurado deste premio estivo formado por Francisco Fernández del Riego, Xesús Alonso Montero, Fermín Bouza, Bernardino Graña e Xosé María Álvarez Cáccamo. Rafa Villar (Cee, 1968) é membro do Batallón Literario da Costa da Morte. Participou na carpeta de creación colectiva "Ao mar de adentro" publicou os seguintes libros de poesía: "Liques da memoria" (1º premio Bouza-Brey de poesía), "O devalo do mar", "No mesmo espacio", "A sotavento dunha singradura" e "O tributo da tarde". Entre as súas colaboracións para Vieiros cómpre salienta-lo poema De universos, publicado no taboleiro "Mil primaveras máis para a nosa lingua" e Sen título, no especial "Día das Letras Galegas'97".

Web da pataca galega
Coincidindo coa celebración a pasada fin de semana da 17ª edición da "Festa da Pataca de Coristanco" vén de face-la súa aparición na Rede o web da pataca galega un site que, ademais de reivindica-la denominación de orixe para este producto, proporciona ampla información sobre a introducción deste cultivo en Galicia. No web encontraremos tamén unha sección na que se recolle a canto vai a pataca nas feiras galegas e un amplo receitario para cociñar este tubérculo.

Intercambio universitario entre Galicia e Portugal
As universidades galegas da Coruña, Santiago e Vigo e os centros universitarios portugueses de Aveiro, Porto, Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro e a Universidade Católica organizarán na Coruña as Xornadas Abertas entre Galicia e Portugal. No primeiro dos dous días do encontro, profesores das referidas universidades abordarán o tema "Aplicacións telemáticas" .Posteriormente, terán lugar dúas mesas redondas sobre "Cooperación Inter-rexional".

Estamos preparando unha nova etapa
Dende hai unha semana, Vieiros ten un irmán xemelgo: a versión en probas do que vai se-lo novo Vieiros. Entre as novidades que xa se poden observar nesta versión beta salientarémo-las seguintes: Vieiros contará cun dominio propio; ademais de mellora-la clasificación temática dos recursos, incorporamos un motor de busca para facilita-la súa localización; as novas da páxina de arranque terán carácter semanal e serán máis estensas e elaboradas; para a actualidade resérvase un novo apartado que incluirá breves resumes das novas máis salientables do día; ampliase o número de seccións e servicios... Colabora con nós visitando a versión beta de Vieiros e facéndonos chega-las túas propostas e suxestións. Comproba os datos do teu website na versión beta do novo Vieiros e advírtenos dos erros que observas tanto na súa adscrición coma nos demais aspectos: descrición, URL, etc. Cómpre sinalar que mentres o novo Vieiros non estea totalmente operativo, Vieiros seguirá mantendo o mesmo url. Se no decurso das próximas semanas tes problemas para acceder a Vieiros débese a que estamos cambiando de servidor o dominio.

e tamén...
No BOE do 16 de setembro aparece publicada unha orde do Ministerio de Fomento regulando as condicións de competencia para dar servicios de acceso a información a través de redes telefónicas públicas conmutadas ou a través de RDSI.
Os resultados finais do referendo gales proporcionados pola BBC e a información oficial sobre este proceso.
A finais de xaneiro deste mesmo ano Fabián Romar, un rapaz de Camariñas, encontraba unha botella cunha mensaxe enviada por Ashley Harvey dende a Terranova, Canadá, Emilio Roca contános para Vieiros a estada de Ashley en Camariñas.

Contacto: vieros@iaga.com
© item:)aga

Rexístrate
en Vieiros!
Para dar de alta un novo recurso é necesario que cubras este breve formulario. Compróbao na sección NOVIDADES de Vieiros, espacio que se actualiza os mércores.



Cousas
Revista das noticias que fomos publicando no arranque de Vieiros.
Última edición: Cousas 36

A Galería
Na nosa sala de exposicións acollemos nestes días unha mostra con 14 obras que supoñen un percorrido polos 25 + 1 anos de Xaquín Marín como humorista gráfico.

Chat
Nesta páxina encontrarás instruccións para instala-lo Global Chat, participar nas tertulias que mensualmente celebramos na canle #vieiros e acceder á canle #galicia.

O que máis
se move
Sección dedicada ás páxinas máis dinámicas, ás que varían periodicamente a súa estructura, presentación e contidos. De cada venres en oito días o máis movido da rede galega, sempre aberto ás túas novas e propostas.


Coa Colaboracion da D.X.de Politica Linguistica